Indignante “fin de obra” no paseo da ría en Oleiros

Costas deixou sen rematar dous importantes treitos do paseo, abandonando a obra con puntos negros para a seguridade peonil e ciclista

Que a Delegación do Goberno e a Xefatura de Costas dean por rematados os traballos de rexeneración da ría do Burgo deixando segmentos inconexos e espazos de transición inseguros entre os distintos treitos sen rematar e cunhas condicións realmente perigosas para a mobilidade ciclo-peonil do circuito litoral, resulta simplemente impresentable.

Calquera persoa que percorra o paseo que vai desde Agramar ata O Graxal, xa en Cambre, percibirá esa sensación de descuido e perigo alomenos en 4 puntos diferentes: as transicións entre os espazos xa consolidados e o novo treito no que se produxo o recheo que realizaron para desfacerse dos lodos extraídos do leito mariño.

En principio, Costas contaba con realizar a conexión total do circuíto, pero non foi así, xa que tras dar por rematados os traballos, deixaron dous treitos litorais que interrompen a continuidade do paseo marítimo. O único treito que fixo Costas foi o recheo do río do Seixo, que non chegou a conectar nin co de Agramar nin co paseo de Cambre.

Este novo treito remata de forma abrupta e de aspecto provisorio coas zonas do Paraíso e O Seixo, obrigando ás persoas que o utilizan a pe ou en bici, a camiñar de xeito seguro por sendas dos parques preexistentes, que se separan bastante do mar e obrigan a circular por vellos carreiros pouco aptos para unha mobilidade segura.

Resulta impresentable esta falta de amor ao territorio, este desleixo á obra pública ben feita, e este desprezo do municipio de Oleiros, xa que estas pequenas intervencións resultan simples detalles nun proxecto tan grande como a rexeneración da ría.

A indignación do alcalde, Ángel García Seoane, expresouse así: “Desde Oleiros lamentamos a actitude da Xefatura de Costas e do Delegado do Goberno, respecto do tramo do Paraíso para o cal se chegaron a talar decenas de árbores de gran porte. No proxecto existía unha partida para abordar as obras e non se investiu, ademais de quedarse coa madeira da tala”.

Comparte esta nova!