13

Inaugurado o Parque As Trece Rosas, na costa libre de Oleiros

Numerosas persoas participaron esta tarde na inauguración oficial do novo parque público As Trece Rosas. Esta nova zona verde pública, de 128.000 metros cadrados, honrará de maneira permanente a memoria destas trece mulleres asasinadas polo réxime franquista por defender a liberdade, a democracia, a república e os dereitos dos traballadores e traballadoras. Unha escultura alegórica dunha muller, obra do artista Miguel Couto, presidirá este parque para homenaxear a estas 13 mulleres por sempre.

O acto contou coas intervencións de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Olga Manzanero, sobriña de Dionisia Manzanero (unha das Trece Rosas) e representante da Asociación Las 13 Rosas; e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. En todos os discursos destacouse a beleza do parque e a idoneidade do nome escollido, pola súa relevancia e pola inmensa liberdade que se respira neste gran espazo público da costa de Oleiros.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou que “este parque é e será sempre un recuncho de memoria, xustiza e reparación; un lugar que lembre o legado de trece mulleres exemplares que loitaron por un país xusto, pola democracia e pola liberdade, que foron vilmente asasinadas polo Goberno fascista de Franco”. García Seoane tamén dixo que, ante o actual momento de rexurdimento de ideoloxías que pensabamos esquecidas, “o fascismo volve campar ás súas anchas por parlamentos, supostamente democráticos –incluído o español-. Por iso é imprescindible que os máis novos coñezan a verdadeira historia de España, para que non se repitan episodios a través dos que nos poidan arrebatar a democracia”.

Para a creación deste fermoso espazo natural, o Concello de Oleiros investiu máis de 1,5 millóns de euros. A Deputación da Coruña tamén realizou unha achega de 100.000 euros.

Este inmensa zona verde, que ocupa toda a franxa costeira desde Santa Cruz ata a praia de Bastiagueiro, destaca por conservar o 80% da vexetación existente: salgueiros, abruños, zonas de braña, vexetación de ribeira,… Ademais plantáronse sauces, nogueiras, cerdeiras, metrosideros, viscos, castiñeiros,…

Novas relacionadas