A xente nova ten en Oleiros un servizo do que non dispón en ningún outro lugar: as casas de préstamo. Instalacións que se ceden para celebrar festas autoxestionadas e sen vixiancia nin control, pois confíase en que as persoas que promoven as quedadas actúan con responsabilidade e boa disposición.
Iso ocorre na inmensa maioría dos casos, pero por desgraza non en todos. Á hora de facer balance, o Goberno municipal síntese moi satisfeito co rendemento e o desenvolvemento deste servizo público, porque máis alá de dispoñer de espazos para que a mocidade se mova sen tutelas, tamén se promove un ocio festeiro pero responsable e que fai bo uso dos equipamentos públicos.
Na recente enquisa de satisfacción cidadá cos servizos públicos, as casas de préstamo conseguiron un importante nivel de aceptación por parte da cidadanía, cunha nota de 7,7 sobre 10 entre a poboación xeral e un 7,8 entre a máis nova.
Se hai uns meses saltaba a noticia duns estragos na casa de Bastiagueiro —a máis solicitada— hai poucas semanas volveu coñecerse que un grupo volveu a tratar con violencia as instalacións, provocando novas reparacións no mobiliario e equipamento da finca.
Son poucos os que andan a golpes coas cousas, pero hai que advertir ás persoas responsables que os espazos públicos hai que coidalos e ata mimalos, porque son de todos. Se existe algún accidente no que algo se deteriora de forma involuntaria, polo desgaste propio do paso do tempo, con avisar é suficiente, para iso están os servizos de mantemento.
Pero cando o estado no que se deixa a casa é consecuencia do mal comportamento e o uso violento das instalacións, existen unhas sancións que ninguén quere aplicar, pero resulta necesario para que a inmensa maioría dos mozos e mozas non paguen as consecuencias de catro maleducados.