Fíxose viral o video que recolle o marabillado que se atopa Bisbal en Santa Cruz tras o concerto na Coruña, onde cantou ante milleiros de siareiros que gozaron delolindo co seu concerto. Unha estrela internacional que despertou diante do noso veterano e icónico castelo dicíndolle ao seu público millonario que se atopaba nun lugar fantástico.
Claro que lugares fantásticos hainos en todo o mundo e o gran Bisbal ten que facer feliz ao seu público de cada lugar que toca, porque así coida moito mellor o seu produto de éxito irresistible.
Pero o saúdo de David suscita duas reflexións políticas:
Unha, que efectivamente, Santa Cruz é unha marabilla porque a Alternativa, nos anos 80, dixo “ata aquí chegou a degradación urbana”. O pobo ía camiño de convertirse nun enxendro de edificios altos e cutres, rueiros estreitos e promocións que aproveitaban ata o último centímetro para explotar a construción ata o límite. Exemplos hai dabondo e non moi lonxe.
Queríamos que Santa Cruz fose o verxel que é hoxe. O pobo no que tan orugllosos paseamos e vivimos, que non precisou comer terreo á ría para ter xardíns e paseos, porque puxemos todo o empeño en reservar parques e vías en terra firme para manter o paraíso tal cual o herdamos dos devanceiros e tal como nolo legou a natureza. Unha evolución estupenda que dá lugar a momentos coma este. Unha Santa Cruz tamizada por uns anos 80 e 90 sen Alternativa no goberno sería radicalmente distinta.
Outra é unha frase do artista que nos leva a un escenario metropolitano: “Viva La Coruña”, exclamou a estrela de Almería fascinada polo verde e azul da bahía. Todos somos A Coruña. Nun contexto global como o que vivimos temos que combinar con intelixencia o local co metropolitano. Non só en termos de equipamentos e servizos. Tamén necesitamos integrarnos en mobilidade, transporte público, turismo, etc.
Claro que estando en Oleiros estás na Coruña. Pese ás miradas illacionistas dalgún coruño estreito que non ve máis aló do seu embigo, as palabras de Bisbal son a evidencia estupenda de que A Pasaxe une máis do que separa e que tan Coruña é Santa Cruz, como as feras praias de Barrañán, o Monte Xalo, a reserva ambiental e acuífera de Cecebre, o aeroporto de Alvedro, o Pedrido, Meirás ou a torre de Celas.