Grave risco para a saúde pública tras analizar a auga das fontes de Cangas

O Goberno Local incumpre a lei de transparencia ao non publicar na web municipal os boletíns analíticos das fontes no prazo obrigatorio de 72 horas dende a súa recepción. Fontes públicas con grave contaminación microbiolóxica por bacterias de orixe fecal seguen sen os carteis de "Non Apto", vulnerando a obriga de sinalización.

Alternativa dos Veciños (AV) quere denunciar publicamente a situación de abandono e risco sanitario á que o actual goberno de Cangas está sometendo á veciñanza. Durante a nosa etapa de goberno (2021- xuño 2023), mantiñamos un control estricto sobre 22 fontes públicas, sabendo que moitos veciños e veciñas fan uso diario delas para o consumo.

Hoxe os informes públicos reducense a 10 fontes. Tendo que recordar ao concello que ten a obriga a publicar en liña os boletíns analíticos nun prazo máximo de 72 horas dende que se reciben do laboratorio, para que a veciñanza saiba en tempo real o que está a beber.

Esta ocultación impide que a cidadanía exerza o seu dereito de acceso á información e vulnera de forma directa a normativa estatal de augas de consumo. Entre as fontes que o goberno deixou de analizar ou de facer a súa exposición pública atópanse puntos tan concorridos como a Fonte de Santa Marta, as fontes de Barreiras (Anguieiro e Sapo) — que xa presentaran recontos elevados de coliformes e enterococos en 2024—, ou as de San Roque (Tobal e Carballiño), digamos que toda a área afectadas pola contaminación do Manantial de Anguieiro.


As últimas analíticas de abril de 2026 son demoledoras. De tan só 10 fontes analizadas e postos os seus resultados a luz pública , 4 presentan unha contaminación microbiolóxica grave que as fai totalmente non aptas para o consumo humano:

  • Fonte Soutelo (Herbello): Presenza de E. coli (3), Enterococos (1), Clostridium perfringens (8) e coliformes (48).
  • Fonte Herbello Nova: Presenza de E. coli (3), Enterococos (21), Clostridium (1) e 74 bacterias coliformes.
  • Fonte Herbello Vella: Niveis de bacterias coliformes superiores a 201.
  • Fonte Socotelo (Menduíña): Tamén con recontos de coliformes superiores a 201.

A presenza de E. coli e Enterococos indica contaminación de orixe fecal, o que supón un perigo directo, especialmente para nenos, anciáns e persoas vulnerables.

A pesar do risco inminente, o goberno local de Cangas incumpre a súa obriga de sinalizar as fontes públicas de forma inmediata co correspondente cartel de aspa vermella (co lema “Auga non apta para o consumo humano” ou “Auga sen garantía sanitaria”). Veciños e veciñas seguen a coller auga nestes puntos todos os días sen saber que está contaminada porque o Concello non cumpriu co seu deber de colocar o cartel informativo.

A UTE xustifica o controis alegando que actúa “por mandato da concellalía de servizos”, que é quen determina o número e localización das fontes a analizar. Resulta incomprensible que, sendo a saúde pública e a calidade da auga unha responsabilidade directa, nin o concelleiro de Medio Ambiente nin a propia Alcaldesa estean a dar instrucións para ampliar estes controis ou, polo menos, para cumprir coa lei e sinalizar o perigo.

O prego de prescricións técnicas do contrato de auga obriga á empresa concesionaria a realizar a vixilancia e o mantemento da “totalidade de fontes públicas”. O feito de que hoxe só coñezamoso a analise de 10 é unha decisión política que terán que explicarnos.

Esixencias urxentes dende Alternativa dos Veciños:

  • Sinalización física inmediata: Que o Concello proceda de forma urxente a colocar os carteis de aspa vermella de “Auga non apta” en todas as fontes que deron positivo en contaminación microbiolóxica nesta campaña.
  • Publicación íntegra e inmediata na web: Que se suban ao portal de transparencia do Concello a totalidade das analíticas existentes (2º semestre do 2025 e a totalidade do 2026), respectando o prazo legal de 72 horas de cara ao futuro.
  • Restablecemento dos controis: Que o goberno local rectifique o recorte e volva a analizar e vixiar a totalidade das fontes públicas do municipio para que ningunha parroquia quede desprotexida ante o consumo de augas contaminadas.

Coa saúde e co dereito á información dos cangueses e canguesas non se xoga.

Comparte esta nova!