Alternativa dos Veciños de Cangas quere saír ao paso da nota de prensa emitida hoxe polo goberno local sobre a contaminación das fontes públicas. Un escrito que, lonxe de tranquilizar á veciñanza, desvela un alarmante descoñecemento técnico, descontrol administrativo e unha submisión inaceptable ante a empresa concesionaria (UTE Gestión Cangas).
O concelleiro declarou á prensa que a colocación de carteis e o control de potabilidade supoñen “un gasto máis” para o municipio. Isto é rotundamente falso. O Prego de Prescricións Técnicas do contrato da auga (Cláusula 11.1.2.c) obriga á UTE de forma directa e sen custe engadido ao: “mantemento, conservación e analítica de todas as fontes públicas… Deberá, ademais, ocuparse da colocación, reposición ou cambio dos correspondentes carteis relativos á potabilidade da auga.”
Ao anunciar que o Concello se fará cargo de colocar os carteis, o concelleiro está liberando á UTE dunha obriga pola que xa cobra un canon mensual. Desviar diñeiro público ou operarios municipais para facer o traballo da empresa concesionaria supón un malgasto de cartos públicos.
O goberno non pode escudarse na “sorpresa” nin en alertas de última hora neste mes de agosto, as cartas oficiais de remisión de analíticas remitidas pola UTE ao Concello están asinadas o 21 de abril de 2026.Eses informes de abril advertían de forma expresa e literal de que as analíticas
“reflicten incidencia en algún dos parámetros microbiolóxicos”. O goberno local gardou silencio durante catro meses, permitindo que os veciños e visitantes consumisen auga contaminada con bacterias como E. coli ou Coliformes sen ningunha advertencia sanitaria nas fontes. E mais soamente publicou a analitica de 10 fontes das cales 4 daban non apto, pero resulta que agora din que poran o cartel de non apto a 13 fontes, o que quere decir que tiñan as analiticas e non as fixeron públicas pois deron mal.
Para Alternativa dos Veciños, o anuncio de que ao resto defontes se lle porá un cartel de “ auga non controlada” é a maior mostra de irresponsabilidade sanitaria. O Real Decreto 3/2023 obriga aos Concellos a sinalar, manter e analizar as fontes públicas que se empreguen como auga de consumo humano no seu territorio. A lei obriga de xeito taxativo a que as fontes públicas das que se teña constancia que son empregadas para o consumo humano deben ser controladas, sinaladas, mantidas e analizadas obrigatoriamente pola administración local no seu territorio.
Ningún concelleiro pode saltarse a lei de saúde pública poñendo un cartel que declare que prefire non vixiar o que beben os seus veciños.Trátase dunha renuncia explícita e ilegal do Concello a protexer a saúde pública.
“En lugar de abrir un expediente de penalidades á UTE por incumprir o contrato e poñer en perigo aos veciños, o concelleiro decide perdoar á empresa, asumir o seu traballo e dicir que controlar a auga de consumo é un gasto inútil que van deixar de facer. Cangas non merece un
goberno ás cegas que xoga coa nosa saúde pública”, conclúen desde o grupo de Alternativa dos Veciños.