Gelo: “Nunca me sentín un delincuente”

“Esta mañá dixéronme que estaba absolto e quedei como estaba, porque a verdade, eu nunca me sentín un delincuente”, dixo Ángel García Seoane ao valorar a sentencia absolutoria da Audiencia Provincial coruñesa que desestima os argumentos da fiscalía na súa contra, un proceso no que tamén se xulgaba a un arquitecto técnico municipal.

Gelo falou dos fíos políticos que moveron tanto o PP como o BNG para que o caso chegase ao Parlamento Galego e de alí á fiscalía, quen pedía a inhabilitación de alcalde e funcionario. “Eu estaba máis preocupado polo arquitecto que por min, porque a él, por facer ben o seu traballo, podían fastidiarlle a súa vida profesional”.

Ante un posible recurso, Gelo anunciou que a sentencia “ten recurso, pero non ten recorrido”, porque ninguén se extralimitou nas súas responsabilidades. “O que fixemos foi previr unha posible catástrofe tirando as ruinas que quedaban desa casa que sofrira un incendio que destrozou o edificio”, dixo en relación ao estado da ruina que rematou de derrubarse. 

O alcalde fixo un repaso pola historia sentimental que para él, como perillán, tivo ese edificio: o seu dono fora amigo do seu avó na Agrupación Republicana; a tenda da súa familia subministraba alimentos cando era un restaurante, foi pista de baile, foi cinema… Estiveran negociando coa propiedade, pero as circunstancias persoais dun dos propietarios impediron un resultado satisfactorio.

Ao final, pouco antes dos temporais de fin de ano do 2020, o 17 de decembro, o concello aceptou a donación da finca para saldar unha débeda que a propiedade mantiña co Concello.

García Seoane relacionou este proceso coa tradición persecutoria que moitos políticos teñen contra él, e que xa estivo detrás de asuntos como o muriño de Santa Cristina ou os 80 cm que supostamente a súa vivenda invadía a liña de costas. “Non poderán conmigo por esta vía… os únicos que acabarán conmigo son os cidadáns de Olerios nas urnas”. 

A avaricia política que mostra o PP maniféstase tamén na compra de concelleiros da Alternativa nalgúns concellos e está detrás do intento de conquistar a Deputación tras as próximas eleccións.

Comparte esta nova!