O pasado mes de xaneiro centos de persoas reclamamos á Xunta un servizo de atención médica digno para os veciños e veciñas das parroquias de Serantes, Maianca e Dexo (4.896 habitantes). Non era a primeira vez que o Goberno municipal, xunto co conxunto das entidades veciñais e sociais, denunciabamos os importantes déficits existentes na Casa do Mar de Mera.
Tal e como reclamamos en reiteradas ocasións, é necesario ampliar e reformar o obsoleto consultorio, utilizando a infrautilizada planta superior do edificio para poder incorporar máis profesionais e ter uns espazos de atención dignos. É por iso que o alcalde vai solicitar unha reunión co conselleiro de Sanidade para explicarlle unha vez máis cal é a situación, demandar a ampliación das instalacións e a dotación de novos servizos médicos.
Entre outros asuntos está o do servizo de pediatría. Neste momento redúcese a 5 horas semanais, totalmente insuficientes para atender á poboación infantil das parroquias de Serantes, Maianca e Dexo. Unha situación que orixina importantes trastornos ás familias polo acotado horario existente, que sobrecarga á excelente pediatra que atende aos nenos e nenas e que repercute nos tempos de espera das citas dos centros médicos de Santa Cruz e Perillo, aos que son derivados os nenos e nenas do norte do Concello de Oleiros.