García Seoane: “Que non nos veñan con mentiras electorais”

Veñen facerse a foto á Vía Ártabra, pero ocultan que ata 2028 non reiniciarán os traballos

Veñen facer a foto á Vía Ártabra pero ocultan que ata 2028 non reiniciarán a obra

A campaña das autonómicas está dando lugar a numerosas mentiras, que deixan ás claras a desfachatez duns políticos irresponsables, máis propios do tempo de entroido que dun proceso serio e sensato. Así o considerou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, en declaracións á prensa.

Referíase á conselleira de obras públicas, Etel Vázquez, que nun video dirixido á cidadanía de Oleiros e Cambre fala de transporte público, das sendas e a Vía Ártabra, “fala de inversións millonarias que non fixo”, como o caso do vial que está pendente de rematar ata Cambre.

“A Ártabra empezou a facela o bipartito e agora, que falta un treito de 40 millóns, está paralizado e di que non sabe cando van recomezar a facelo, pero estímase que ata o ano 28 non empezarán a facer a obra… un auténtico escándalo”.

No referente ás sendas, aquí non fixeron nengunha… unha que se fixo en Arillo foi por conta do Concello, co diñeiro que a Xunta debía ao Concello cando se fixo a glorieta de Santa Cruz. “Atribúense todo, un descaro tremendo, unha sinvergoñería política clarísima”, dixo García Seoane tras coñecer o video eleitoral do PP: “Que non vendan o que non teñen e o que non fan: aquí hai moito que facer, e veñan coa Vía Ártabra, veñan coas sendas peonís que hai que facer en Salvador Allende ou na estrada entre Perillo e Oleiros e non veñan contar mentiras que xa somos maiores para iso”.

Comparte esta nova!