García Seoane, esperanzado coa xuventude do mundo que se alza contra o exterminio de Gaza

Un movemento contra os poderosos que fomentan e apoian as guerras criminais que arrasan estados e países

Resulta agradable e esperanzador ver como unha pequena parte da xuventude do mundo, a pesares do bloqueo informativo e represivo que Israel e os Estados Unidos proxectan sobre numerosos países saen ás rúas ou paralizan universidades para protestar contra a actitude das potencias occidentais sobre Gaza.

Así o manifestou o alcalde de Oleiros nos medios de comunicación: “Están alzándose contra os poderosos que fomentan e apoian as guerras criminais que arrasan estados e países”.

“Millóns de voces se alzan en todo o mundo ante a barbarie que se está a cometer contra o pobo palestino, mentres os mal chamados países democráticos calan e achantan ante as criminais políticas impostas por EEUU”, dixo o rexedor, que engadiu “Son estes países os que envían misís, avións e tanques de guerra, así como miles de millóns de euros a Ucraína, á que consideran invadida… É que os territorios palestinos non foron invadidos? Masacrados e destruidos os seus territorios, as súas cidades, os hospitais… como non se lembra desde a segunda guerra mundial”.

A reflexión do alcalde lévalle, como a moita xente, a preguntarse “Como é posible que un pobo como o xudeu, que foi vítima principal de Hitler actúe igual que o nazi que o intentou eliminar como pobo?. Hoxe temos un Hitler novo e máis agresivo, que se chama Netanyahu… onde están as forzas aliadas para apresar e xulgar a semellante bestia asesina?”.

García Seoane maniféstase esperanzado coa xuventude que se levanta e protesta en varios países do mundo “Ogallá prenda mecha en todos os países, xa que a xente moza é a única que pode mudar a deriva pola que nos queren levar e someter á cidadanía que loitamos e queremos ser libres en todos os países democráticos do planeta e nos que os gobernos están adormecidos ou sometidos á maquinaria do imperio”.

Comparte esta nova!