Galicia expresa a súa solidariedade con Cuba

Manifestación en Santiago contra o asedio imperialista

Centos de persoas berraron na Quintana de Santiago contra o bloqueo de Cuba. A Asociación de amizade galego-cubana Francisco Villaamil expresaba así toda a xenreira da cidadanía polo inxusto bloqueo que leva décadas sufrindo o país e que na actualidade chega á extenuación porque así o decidiu o presidente estadounidense.

“Deixade vivir a Cuba” foi a frase que encabezou a protesta, seguida por outra máis explícita: “Contra o asedio imperialista”. O alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa, Ángel García Seoane, participou na marcha acompañado de numerosas persoas do municipio, que acudiron á protesta cuns vistosos carteis coa lenda “Oleiros con Cuba”.

A data non podía ser máis adecuada: era o 65 aniversario da invasión estadounidense de Praia Girón. “Hai que defender Cuba da criminal ofensiva dun imperio moribundo que morre matando”, dixeron Francisco Sebio e Luisa Cuevas na alocución final, entre denuncias “ás ameazas de sancións contra quen ouse subministrar petróleo a Cuba elevaron a un grao superior a asfixia da illa”.

“A humanidade débelle moito á Illa da Liberdade. Hai que facer da solidariedade un clamor universal, un rexeitamento global unánime da agresión ianqui. Hai que defender Cuba da criminal ofensiva dun imperio moribundo que morre matando e sementando por todas partes miseria, caos, xenocidio e guerra de rapiña”. O cantautor Xosé Constenla pechou o acto cunha peza propia e outra de Silvio Rodríguez.

Comparte esta nova!