Fomento debe humanizar o treito urbano da N6 en Guísamo

Tanto a veciñanza como as numerosas persoas que utilizan Guísamo para realizar compras ou xestións merecen servizos viarios de calidade

A transformación da N6 ao seu paso por Guísamo é unha auténtica necesidade para mellorar a calidade de vida da veciñanza dese núcleo e mesmo das persoas que se achegan a mercar ao que en realidade é un centro de gran actividade.

A avenida que cruza o principal núcleo da parroquia debe convertirse nunha auténtica travesía urbana, convertendo o que hoxe é só vía de paso nun lugar onde exista aparcamento suficiente, seguridade viaria, mobiliario urbano, árbores ou plantas, beirarrúas máis amplas libres de obstáculos e toda unha serie de actuacións ou elementos perfectamente compatibles co especificado para Guísamo no Plan de Mobilidade Sostible de Bergondo, documento aprobado e en vigor.

Tras pasadas controversias respecto a este tema co noso socio de goberno, neste momento a Alternativa dos Veciños pode afirmar que a vontade e o grao de compromiso do conxunto do goberno en relación a este asunto é firme e unánime.

Agardamos poñer en marcha con carácter inmediato as xestións necesarias co Goberno do Estado e o Ministerio de Fomento, xa que a titularidade da vía é estatal e as obras necesarias que posibilitarían as nosas pretensións deben ser acometidas por Fomento.

Comparte esta nova!