Fisterra: o cero do orzamento

A Xunta de Galicia vén de presentar o seu proxecto de Orzamentos para o ano 2027. Unhas contas públicas que ascenden á cifra récord de 15.158 millóns de euros e que, segundo o discurso oficial, están deseñadas para consolidar o avance económico, o reequilibrio territorial e o benestar de todos os galegos e galegas.

Cando un abre o mapa de investimentos autonómicos e busca Fisterra, atópase cunha realidade ben distinta e profundamente desoladora: a nada. Un cero absoluto. Ningunha partida específica, ningunha obra estratéxica, ningunha mellora de servizos para a veciñanza.

Trátase dun esquecemento que non por habitual deixa de ser indignante. Fisterra é, sen dúbida, un dos nomes máis universais de Galicia. A nosa vila e o noso Cabo son a postal iconográfica coa que a propia Xunta vende Galicia ao mundo, o punto final do Camiño de Santiago e un dos motores turísticos máis potentes de todo o Noroeste. Con todo, o tratamento orzamentario que recibe Fisterra revela unha contradición sangrante: somos moi útiles para ilustrar folletos turísticos nas feiras internacionais, pero totalmente invisibles á hora de repartir os recursos públicos.


Mentres os números globais medran, Fisterra segue a soportar unha vella débeda histórica. Sostemos ano a ano unha presión turística extraordinaria sen recibir nin un só euro de apoio autonómico para xestionar fluxos, mellorar os servizos básicos de auga e saneamento, protexer o noso contorno natural ou acondicionar os accesos. A maiores, a eterna promesa da mellora das conexións e infraestruturas viarias vai quedando dilatada no tempo, relegando a Fisterra a ese “fin do mundo” que, en lugar de ser unha vantaxe, transfórmase nun illamento perpetuado dende as administracións públicas.


Non estamos a falar de privilexios nin de caprichos localistas; falamos de xustiza territorial e de equidade. Un orzamento récord de máis de 15.000 millóns de euros non pode deixar fóra a quen aporta un valor incalculable ao patrimonio, á economía e á identidade do país.


Fisterra precisa investimentos reais e compromisos firmes, non máis palabras amables nin visitas institucionais para saír na foto. Porque un concello que lle dá tanto a Galicia non merece ser condenado ao esquecemento orzamentario.

Comparte esta nova!