Alternativa dos Veciños consegue que a Deputación Provincial cubra a totalidade dos gastos, case vinte mil euros, que lle supón ao Concello de Fisterra a realización dun acto mediante videoconferencia co concello xaponés de Nachikatsuura. Un acto que se está planificando no marco do acordo de irmandamento entre os Concello sde Fisterra e Nachikatsuura.
“Grazas a presenza de Alternativa dos Veciños no pleno provincial e ao bo traballo que se ven realizando durante os últimos anos na Deputación, tamén podemos acadar grandes axudas económicas para os municipios onde estamos presentes, tal e como sucede neste caso para o Concello de Fisterra, onde a Deputación vai cubrir a totalidade dos gastos que lle supón ao Concello a realización dun acto mediante videoconferencia co concello xaponés de Nachikatsuura.
A Deputación faise cargo da contratación e da financiación dos case 20.000€ que lle supoñen ao Concello de Fisterra a realización deste acto que se está planificando no marco do acordo de irmandamento entre o Concello de Fisterra e o Concello de Nachikatsuura, que tivo lugar o pasado mes día 4 de novembro no museo de pesca situado no castelo de San Carlos” apuntan dende o Grupo Provincial de Alternativa dos Veciños.
“Para facer posible o desenvolvemento deste evento é imprescindible a contratación dunha empresa de emisión e sistemas de conectividade, xa que existe moita dificultade para que todo saia a perfección na emisión e recepción de sinal -atendendo aos miles de quilómetros que separan aso dous concellos-para que no momento exacto se poidan ver en Nachikatsuura como se oculta o sol no Atlántico dende o Cabo Fisterra e, os xaponeses farían o mesmo en Nachikatsuura, captando o sol saíndo sobre o Océano Pacifico.
Para o desenvolvemento do evento tamén é preciso contar cunha carpa, que tamén financiará a Deputación” explica o Grupo Provincial de AV.
“Se ás predicións meteorolóxicas o permiten nos dous concellos, o acto desenvolveríase previsiblemente o día 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo, xa que é un dos dous días arredor do solsticio de verán nos que cadra ao mesmo tempo o amencer en Nachikatsuura co solpor na Costa da Morte, por mor do baile anual do eixo de rotación terrestre, tal e como investigou o físico Jorge Mira” matiza a formación.