Fidel sempre seguirá vivo

Un encontro en Láncara serviu para glosar a figura do que fora presidente cubano na casa natal do seu pai

Defender a Fidel dos insultos da dereita coruñesa encabezada pola diputada conservadora María Victoria Fernández España, dona de La Voz de Galicia, foi o que motivou á Corporación de Oleiros a nomear a don Fidel Castro Ruz concelleiro honorífico do municipio.

María Victoria chegara a animar aos galegos a “apedrear” ao comandante se viña a Galicia, co que a resposta do concello foi rotunda: Fidel poderá vir ao territorio libre de Oleiros con toda a honra do mundo.

O presidente de Alternativa e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou o martes nun acto na casa paterna de Fidel, recentemente convertida en museo, en Láncara (Lugo) co gallo do 98 aniversario do nacemento do líder revolucionario.

García Seoane falou da viaxe a La Habana, onde un numeroso grupo de galegas e galegos foron recibidos polo comandante, a quen “ofrecimos todo o noso apoio e o compromiso de continuar traballando pola defensa da Revolución”.

Este encontro político tivo lugar en Láncara, na casa na que naceu o pai de Fidel, e contou coa participación do Embaixador da República de Cuba, Marcelino Medina, o presidente da Asociación Amistad Láncara-Cuba, Antonio Sobrado, e moitas outras personalidades.

“Non só os cubanos, non só quen habita os barrios pobres das cidades ou calquera aldea do mundo sen auga corrente, sen escolas ou sen centros de saúde, non só os desfavorecidos ou os esquecidos tiveron en Fidel un guía e defensor —dixo o presidente da Alternativa—. El foi tamén capaz de ler o mundo globalmente antes da propia globalización. Militou e liderou as grandes aspiracións humanas de bondade universal e por iso enfrontouse sempre ao poder do diñeiro, da avaricia e da explotación capitalista do mundo, só atenta ao beneficio dos ricos”.

Engadiu que foi “o chanzo de intelixencia que nos faltou en Europa para defender os nosos valores de igualdade, que vimos cultivando fai xa máis de 200 anos. Uns ideais nobres pero encerrados en nós mesmos. Uns ideais que só nos serven para os discursos e as proclamas, pero que non foron capaces de acabar co imperialismo, a explotación, a usurpación dos recursos do planeta, o equilibrio entre todas as persoas ou a felicidade do ser humano”.

“O Comandante permanece vivo a través do tempo porque como dicía Martí, “A morte non é verdade cando se cumpriu ben a obra da vida” . Por esta razón en Cuba ensálzase a quen foi guía da Revolución. Pero o mundo ten unha débeda con Fidel e é de xustiza que honremos a súa figura como líder universal, como o defensor de tantas aspiracións fermosas que compartimos quen nos toque vivir esta época convulsa”. Que, nas súas palabras “Faga cada un a parte que lle toca e a obra será invencible”.

“Isto e moito máis en defensa dun pobo heróico e dunha revolución que co Comandante Fidel Castro á fronte logrou que Cuba sexa un estado soberano e libre, ao que EEUU non conseguiu nin conseguirá dobregar nunca. Cuba necesita o apoio daqueles países valentes que non teman ao ianqui. Xa abonda de que o país máis terrorista, racista e xenófobo siga sementando o terror por Latinoamérica, Africa, Oriente e Asia. Hai que parar á besta! Ata a vitoria sempre!, rematou García Seoane.

Comparte esta nova!