Hoxe, un mes despois do inicio das clases e nun día de vento e choiva, as comunidades educativas dos colexios A Rabadeira e Juana de Vega, vense obrigadas a saír á rúa para reclamar que se dote aos seus centros dos mestres que lles corresponden; e non se trata de mestres calquera, senón daqueles que dan apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, mestres de apoio que ademáis permiten que o resto do profesorado poida traballar axeitadamente.
Pode parecer surrealista, como a estas alturas, e despois de terse reclamado ante todas as instancias competentes, non só non se dotara a estes centros do profesorado xa previsto ao remate da matrícula, alá polo mes de xullo, senón que os máximos responsables continúen sen dar resposta nin aos colexios, nin as familias, nin ao Concello de Oleiros, quen en data 19 de setembro remitiu unha carta ao Conselleiro de Educación poñendo no seu coñecemento a situación na que se atopaban os colexios Juana de Vega e A Rabadeira e solicitando que se cubrisen as prazas pendentes; prazas absolutamente necesarias para garantir o correcto funcionamento destes centros.
Porque iso é o que estamos a pedir xunto coas ANPAs dos centros, que se aporten por quen é competente e responsable, os recursos mínimos necesarios para garantir que os nosos colexios poidan realizar o seu traballo con normalidade, o mínimo que se espera cando a primeiros de setembro comezan as clases, xa non digamos a mediados de outubro.
A Xunta pode gastar moreas de cartos en poñer cada ano pantallas máis tecnolóxicas e máis grandes ou en convencer aos centros para que se adscriban aos programas de ensino dixital, pero o ensino inclusivo e de calidade non é ese, senón o que está dotado de profesorado suficiente, preparado e motivado.
Reclamamos un ensino axeitadamente dotado, inclusivo e de calidade ao que temos dereito, ao que debemos aspirar e o que debemos esixir, porque só cun ensino inclusivo e de calidade, podemos acadar a igualdade de oportunidades para os nosos fillos e fillas.