Comeza un ano cheo de acción e progreso para Oleiros, de transformacións e de novas enerxías, nos que o motor da Alternativa non parará de tirar dos carros, de mellorar, de reclamar, de crear novos motivos para vivir mellor… en definitiva, non pararemos de traballar para ti.
Un dos principais retos de 2026 é a mobilidade, un obxectivo que non só embarca a Oleiros, senón a toda a área metropolitana, que pese a ser a máis poboada e dinámica de Galicia, goza dunha oferta de transporte totalmente infradotada, tanto en liñas, como en frecuencias, como en información en tempo real, como en tratamento ao cliente… o típico panorama dun transporte público non pensado para a cidadanía, senón como se denominan técnicamente, para “públicos cautivos” (aqueles que non teñen posibilidade de ir noutro medio).
Pero non é só o transporte público, senón tamén as infraestruturas, duas dimensións íntimamente ligadas. Prolongar a Vía Ártabra, ampliar a ponte da Pasaxe, construir a Artabriña, o bypass de Arillo, a conexión do Seixal coa Barcala, a rotonda de Montrove, a obstrución da N6 no Carballo, as beirarrúas nas vías autonómicas… son temas que conforman unha axenda política que reclamaremos con intensidade e sobre todo con proxectos, solucións e datos recollidos da realidade, do que sofres ti cada día, do que sofren os autobuses, as persoas que se desprazan a traballar ou a gozar do seu tempo libre.
Un novo depósito en San Pedro para dar servizo aos municipios do leste metropolitano é tamén unha necesidade conxunta dos concellos, así como a mellora do servizo de recollida e tratamento de lixo, a través do Consorcio das Mariñas, que agarda un novo contrato. Sanear o porto de Lorbé e convertir a Casa do Mar de Mera nun centro de saúde digno para o norte do concello son demandas que tamén apuntamos no deber da Xunta.
Están en marcha as obras para rematar as conexións pendentes no paseo marítimo do interior da ría para dar continuidade entre Cambre e Oleiros, que se verá continuada coa senda entre Naval e Canide, completando así a contorna costeira do municipio, a Costa Libre de Oleiros. Reurbanizar as rúas do centro de Perillo, seguir renovando as redes de auga máis antigas, restaurar a pasarela do Castelo de Santa Cruz, as beirarrúas de Bartolomé de las Casas, Multiusos de Bastiagueiro ou as gradas do campo de fútbol de Montrove conforman outras iniciativas que temos en marcha para este próximo ano.
E no capítulo de vivenda, rematará a construción das 146 protexidas e haberá solo para 34 máis, para tratar de mitigar, coas poucas armas das que dispoñen os concellos, o problema do acceso á vivenda.
Unha chea de obras que, con ser moi importantes para a evolución do noso territorio, complementan esta chea de servizos sociais, culturais, educativos, deportivos, xuvenís, laborais e económicos cos que colabora o concello para contribuir a que calquera situación, por difícil que sexa, poida ter unha alternativa de apoio público.
Fomentamos así a convivencia, a formación, a saúde, a liberdade, o respecto, a diversidade, os dereitos, a soldariedade e o pensamento crítico, especialmente nun momento tan convulso para o mundo como o que estamos a vivir.