Aternativa dos Veciños de Oleiros quere expresar a súa solidariedade co xornalista José Manzaneda, director do medio informativo dixital Cuba Información ante o xuízo do que está a ser obxecto polo seu artigo “Crear unha crise sanitaria en Cuba: obxectivo da guerra contra a súa cooperación médica”, no que se destapan as fórmulas que utiliza unha organización que colabora co goberno estadounidense para provocar a desestabilización sanitaria, e por tanto política, do país insular.
A existencia de medios capaces de ofrecer unha visión alternativa aos grandes centros de opinión son garantía dunha liberdade de expresión máis sa e plural. Cuba Información é un deles, que achega visibilidade e transparencia a situacións que doutra forma non poderían chegar a ser coñecidas polas persoas.
Por iso, Alternativa acompaña e apoia á Asociación Euskadi-Cuba e a Cubainformación na súa loita pola xustiza, a verdade e a liberdade de prensa; e esixe o fin do bloqueo criminal que o Goberno de EEUU, en colaboración con organizacións do “anticastrismo”, aplica de maneira inmisericorde sobre o pobo cubano, e que é a raíz da aguda crise económica que vive a Illa.
Faise tamén un chamamento a apoiar economicamente a Cubainformación, medio que é unha fenda no bloqueo mediático a Cuba e referente informativo para miles de persoas que buscan unha información de contraste coa que achegan os medios corporativos.