Nun territorio tan próspero e dinámico como Oleiros, as infraestruturas de mobilidade son un chanzo fundamental de desenvolvemento e calidade de vida. Os nosos traslados non poden concebirse dun xeito illado, sen relación coa contorna que nos envolve: a área metropolitana da Coruña, na que ocupamos un destacado espazo estratéxico, territorial, demográfico e cultural.
Dentro do noso municipio, pero con influencia en toda a comarca, temos pendentes algunhas infraestruturas viarias fundamentais para mellorar a conectividade entre os pobos, urbanizacións e vilas do noso puxante territorio metropolitano, a cidade central e o sistema viario de alta capacidade.
Unha vez que o tapón do Sol y Mar foi superado e coches e persoas xa flúen polo seu paso inferior, a nova rotonda e as súas renovadas rúas, temos que continuar co noso incesante roncón de reclamacións: reforma de Alfonso Molina, ampliación da ponte da Pasaxe, paso inferior no inicio de Che Guevara, bypass entre O Seixal e A Barcala para liberar a Costa da Tapia (Cambre) ou a conexión da Vía Ártabra coa rede de alta capacidade. Algunhas, xa lendarias reivindicacións!
Vemos como por razóns políticas, as administracións central e autonómica esquinan os nosos proxectos viarios, relegando a súa prioridade aos últimos lugares, porque cada administración, cun comportamento caciquil e sectario, apoia descaradamente aos alcaldes e alcaldesas das súas cores.
No caso da Deputación, onde Oleiros ten unha representación propia, iso non sucede. Aló perseguimos cada paso e cada obra, obtendo resultados satisfactorios no relativo ás vías públicas provinciais. Pero resulta repugnante que para que as outras dúas administracións funcionen con axilidade teñamos que ter “amizades” neste ou naquel partido político. O que é o mesmo: o nepotismo substitúe ás necesidades obxectivas do territorio.
En Oleiros planficamos, facemos previsións de infraestruturas e solo, mantemos áxil a nosa administración para colaborar con Xunta e Goberno, comportámonos como un municipio aberto e activo para dar o mellor servizo posible á cidadanía. Somos proactivos e insistentes, tratando de ir por diante das necesidades das persoas, pero non atopamos a cooperación necesaria.
Non se entende que en pleno século XXI teñamos que andar lidiando coas miserias de funcionarios caprichosos e políticos raquíticos que poñen o interés do seu partido por enriba dos conceptos máis elevados da política, que neste caso significa calidade urbana, mobilidade avanzada, inversións intelixentes e axilidade administrativa.
Eleven a mirada e camiñemos xuntos a prol da cidadanía, señores da Xunta e o Goberno Central.