Efectos devastadores da lei de educación dixital para os nenos e nenas galegos

Está demostrado cientificamente os efectos adversos do uso de pantallas e tecnoloxías en idades temperás.

É unha aberración que se lle vaia poñer correo electrónico a nenas e nenos de 10 anos. Este é só un exemplo do modelo educativo que pretende impoñer o PP nos colexios galegos, tal e como se recolle no anteproxecto da Lei de Educación Dixital da Xunta de Galicia.

A exposición a dispositivos tecnolóxicos nas aulas non é un avance, senón un retroceso pedagóxico que está a xerar graves prexuízos: cadros de ansiedade, déficit de atención, illamento social e unha dependencia patolóxica que anula a capacidade crítica dos menores.

Desde Alternativa dos Veciños, como sempre fixemos, seguiremos a promover a educación, a cultura, o deporte e as actividades presenciais que fomentan a convivencia e a creatividade. Basta xa de experimentos coas nosas nenas e nenos. A verdadeira vangarda educativa non está nun correo electrónico aos 10 anos, senón en garantir máis profesorado, máis cultura e máis interacción social. Non imos calar ante unha lei que sacrifica o benestar dos menores no altar da falsa modernidade.

Comparte esta nova!