O Ministerio de Transportes andaba a marear ás persoas ou empresas propietarias de solares que dan á Avenida das Mariñas ou estrada NVI coa distancia á que se pode edificar. No Plan Xeral de Oleiros, revisado e autorizado polo Ministerio, contémplase que a 12 metros da vía, pero o actual criterio de Transportes fixa a distancia en 50 metros nalgúns lugares, o que produce unha forte inquedanza nas propiedades.
A instancias do Concello, o Ministerio realizará un estudo pormenorizado dos lindeiros da gran avenida que atravesa o sur do Concello de leste a oeste para que as fincas que pretendan edificar teñan a seguridade de que desde Madrid non lle obrigan a facelo a 50 metros, algo que en numerosas ocasións supoñen a imposibilidade de edificar.
As Mariñas é de feito unha avenida urbana. O 80% do territorio municipal anexo está calificado como urbano na planificación municipal. Entre Iñás e A Pasaxe sucédese un continuo urbano ao que asoman os núcleos e urbanizacións de Arenaza, Campamento, O Carballo, O Pinar, Río do Pozo, O Seixal, Icaria e xa todo o continuo comercial que chega ata Perillo.
Unha avenida que presta servizo a todo o sur do Concello e outros municipios como Cambre, Bergondo, Sada e Betanzos, coa velocidade limitada en case todo o seu percorrido a 50 km/h e con itinerarios ciclopeonís alternativos en paralelo ao seu trazado. Unha realidade máis semellante a un viario urbano que a unha autoestrada.