A ampliación da ponte da Pasaxe e a conexión da Vía Ártabra coas redes de alta capacidade deberan ser prioritarias para os gobernos de Madrid e Santiago tal como o son para a veciñanza de Oleiros, que ven como estes proxectos viarios acostuman a durmir nos caixóns ministeriais e autonómicos.
A interconexión dos concellos de A Coruña e Oleiros constitúe unha das principais arterias de Galicia, toda vez que máis de 90.000 automóbiles circulan a diario entre estes municipios, algo que debería facer pensar a responsables de ambos gobernos. Tanto a veciñanza de ambos concellos como en xeral todas as persoas que utilizan estas vías de alto valor estratéxico para a área metropolitana deberan dispor de mellores condicións de mobilidade.
A xente empeza a estar cansada de escoitar declaracións de intencións, especialmente en épocas electorais, pero non van máis aló. O Ministerio de Mobilidade debe abordar con prontitude o proxecto de ampliación, para resover dunha vez o grave problema que representa o funil da Pasaxe. Un proxecto tantas veces reclamado e do que debería comezar a falarse unha vez que remataron as obras do Sol y Mar.
En canto á Vía Ártabra, leva 3 anos paralizada pola nefasta xestión da Xunta. A Consellería debería estar xa contratando as obras para conectar Iñás con Pravio, vencellando o vial coa AP9 para ampliar así a operatividade deste vial directo polo interior da península mariñán.
Segundo explicou o alcalde, “os Gobernos de Madrid e Santiago están obrigados a cumprir coa cidadanía, que sofren a diario as consecuencias da carencia destas infraestruturas. Non se pode agardar máis tempo”.