É a hora de falar dun Consorcio do Transporte Metropolitano

A piques de renovar o Convenio coa Xunta, é o momento de presionar para conseguir solucións de futuro

Desde Alternativa dos Veciños levamos anos denunciando a existencia dun grave problema de mobilidade no conxunto da comarca da Coruña. Os motivos principais son dous: déficit de infraestruturas e deficiente servizo de transporte público.

A insuficiente capacidade dos viais podería diluírse cun servizo de transporte acorde ás necesidades da poboación, o que por outro lado tería un coste moito menor para as arcas públicas que as obras, polas que tamén levamos décadas clamando, que nunca acaban de ver a luz do día.

A realidade é que o servizo de transporte funcionou historicamente mal e neste momento está peor que nunca. As frecuencias son escasas polo que os buses están totalmente saturados, hai continuos retrasos,… Non se está atendendo á demanda de mobilidade da cidadanía.

Á empresa vaille ben. Igual a alguén da Xunta tamén. Pero á cidadanía vaille mal, moi mal, e cada vez son máis as persoas que ante o desastroso servizo collen o coche. Resultado: máis odiosos atascos.

A Xunta, responsable

A responsable desta situación é a Xunta de Galicia, que ten as competencias en transporte en todos os Concellos de menos de 50.000 habitantes. A Consellería de Presidencia está a actuar cun desprezo total cara os milleiros de cidadáns que sufren a diario o pésimo servizo. E tampouco se nos está escoitando aos Concellos, que trasladamos todas esas queixas veciñais, cando estamos a pagar o 20% do custo dos billetes.

Non renovar o Convenio

Ante este nefasto funcionamento, e os problemas de financiamento que se dan na maioría dos Concellos por ter que asumir constantemente servizos que lle corresponden á Xunta, desde Oleiros propoñemos aos Concellos da comarca que non renoven o convenio do transporte ata que a Xunta se sente con nós a escoitar as demandas da cidadanía e resolva, cando menos, as principais carencias.

Un Consorcio Metropolitano

De persistir a intransixencia da Xunta, non só propoñemos non renovar o convenio senón que deberíamos iniciar a creación dun consorcio de transporte dos concellos coa cidade, para crear o verdadeiro servizo que necesita a cidadanía neste momento, deixando atrás políticas localistas e curtoplacistas. O contrata do transporte do Concello da Coruña finaliza o próximo ano, polo que estamos ante unha oportunidade histórica de construír un novo modelo, existindo ademais importantes fondos europeos para este tipo de iniciativas. O actual deseño de liñas unidireccionais ao centro da cidade está totalmente obsoleto ante as necesidade reais da poboación de desprazarse a polígonos, universidade, outros municipios, outros barrios da cidade…

Un bus de escasa utilización

No caso de Oleiros tampouco estamos dispostos a asumir durante máis tempo o custo de mantemento da liña supramunicipal que vai de Lorbé ao Burgo e dá servizo a 3 concellos, o noso, Cambre e Culleredo; un bus dun escaso uso no noso concello, sendo os principais usuarios da liña os cidadáns de Cambre e Culleredo. Por tratarse dun servizo claramente supramunicipal, debería ser a Xunta a que o financiase na súa totalidade. Nós imos deixar de facelo, e empregaremos os 80.000 euros anuais que nos custa para crear unha liña interna en Oleiros, que realmente sexa de interese propiamente municipal.

Comparte esta nova!