asemblea-dorneda-candidatos

A asemblea de Dorneda elixe a María José Varela, José Manuel Caridad e Gonzalo López como persoas candidatas para as primarias de febreiro

Preto dun cento de veciños e veciñas de Dorneda participaron na asemblea celebrada na Casa do pobo para escoller ás persoas que representarán á localidade nas eleccións primarias de Alternativa dos Veciños. María José Varela Neira, José Manuel Caridad Freire e Gonzalo López Paz foron elixidos por unanimidade polos asistentes á asemblea. 

A asemblea desenvolveuse nun clima de absoluta normalidade. O representante local da executiva de Alternativa dos Veciños, José Luis Viñal, foi o encargado de presentar á asemblea ás persoas que foron escollidas previamente pola comisión de seguimento da localidade destacando a súa valía e traxectoria.

Pola súa parte, o presidente Ángel García Seoane, destacou a importancia de lograr novamente unha maioría absoluta en Oleiros e continuar contando con presenza na Deputación da Coruña para poder cumprir co programa electoral e acadar mellores niveis de benestar e incrementar os servizos e as infraestruturas, tanto no municipio como na comarca. No caso concreto de Dorneda destacou a realización durante a presente lexislatura das beirarrúas que conectan a localidade con Mera e Santa Cruz, as obras de urbanización de Xaz que permitirán a existencia de novas vivendas protexidas e equipamentos públicos. García Seoane tamén informou que está previsto que nos próximos meses comece a obra de construción dunha cuberta na pista polideportiva da Casa do pobo.

María José Varela Neira (Dorneda, 1958) é concelleira desde o ano 1995. Conta cunha ampla traxectoria profesional na xestión empresarial, no INE e no propio Concello de Oleiros. Actualmente é a primeira tenente de alcalde e é a responsable das áreas de Interior, Seguridade Cidadá, Economía, Facenda e Urbanismo. Ademais, desde sempre estivo vencellada ao movemento veciñal participando na Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva de Dorneda e na ANPA do Colexio Luis Seoane.

José Manuel Caridad Freire (Dorneda, 1967) é electricista de profesión. Desde moi novo formou parte do movemento social na directiva da Asociación O Castelo de Breixo e na Comisión de festas de Breixo.

Gonzalo López Paz (Dorneda, 1985) é concelleiro desde o ano 2015. Graduado en INEF é o actual adestrador das categorías inferiores do Centro Deportivo Mariñeiro de Mera, do que tamén foi remeiro durante varios anos. Militou no Club de Regatas de Perillo e participa nas actividades que organizan o Club Running Oleiros e o Club Salvamento Oleiros.

Novas relacionadas