A preocupación do conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, por reclamar ao Goberno Central máis atención ao transporte aeroportuario de Galicia seguramente lle fai esquecer outro transporte moito máis cotián e que afecta á máis persoas: o transporte metropolitano da comarca da Coruña, que está sumido no terceiromundismo e é de responsabilidade única da Xunta.
Reclamarlle ao Ministerio de Óscar Puente exercer as competencias cos aeroportos serviu para que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, lle lembrase “que o que ten que facer é exercer as competencias cos coches de liña, cos autobuses que prestan o servizo na comarca da Coruña, e, estou falando da comarca da Coruña, ademais de Oleiros en concreto”, tal como lembrou hoxe nunha emisora de radio.
No caso de Oleiros solicitouse á Xunta prolongar a liña dende o Seixal ata a igrexa de San Pedro, ao que se negaron (pendentes dunha nova reunión) coma o resto dos temas: crear unha liña con destino a Xaz, en Dorneda, onde xa hai 200 familias asentadas na urbanización; crear un bus desde Perillo ao Campus Universitario, outro desde a entrada de Santa Cristina á Coruña, aumentar as frecuencias nas liñas de Lorbé, Dexo, Mera, Santa Cruz e Perillo e a que une Oleiros coa Coruña por Montrove.
Unha relación de melloras para os que por enésima vez prometen ao Concello a unha xuntanza negociadora que de momento non ten data nin prazo previsto.
Unha razón de peso pola que tanta intensidade en relación cos aeroportos non resulta creíble. É simplemente a utilización dunha outra arma contra o Goberno Central, non unha sincera preocupación pola mobilidade e o transporte público.