asemblea-dexo-candidaturas

A asemblea de Dexo elixe a Rosa Méndez, Igor Pérez e Nanda Pérez como candidatos para as primarias

Máis dun cento de veciños e veciñas de Dexo participaron na asemblea celebrada na Casa do pobo de Lorbé para escoller ás persoas que representarán á localidade nas eleccións primarias de Alternativa dos Veciños. Rosa María Méndez Gómez, Igor Pérez López e Nanda Pérez Tasende foron elixidos por unanimidade polos asistentes á asemblea. 

A asemblea desenvolveuse con absoluta normalidade. O representante local da executiva de Alternativa dos Veciños, José Manuel Díaz García, foi o encargado de presentar á asemblea ás persoas que foron escollidas previamente pola comisión de seguimento da localidade destacando a súas cualidades e súa traxectoria.

Pola súa parte, o presidente Ángel García Seoane, destacou a importancia das vindeiras eleccións municipais para manter a maioría absoluta en Oleiros e continuar contando con presenza na Deputación da Coruña para continuar mellorando e incrementando os servizos e as infraestruturas, tanto no municipio como na comarca. No caso concreto de Dexo destacou a realización durante a presente lexislatura da conexión do porto de Lorbé coa vía Ártabra e o próximo inicio da construción dos tramos de beirarrúas inexistentes entre a Casa do pobo e o linde con Sada. García Seoane tamén informou que está previsto que nas próximas semanas comecen as obras de mellora nas Casas do pobo de Lorbé e Dexo.

Rosa María Méndez Gómez (Lorbé, 1970) é concelleira desde o ano 2011. Redeira de profesión, actualmente é a responsable de parques e xardíns do Concello de Oleiros.

Igor López Pan (Bilbao, 1963) é técnico superior industrial. Foi durante tres anos o conserxe da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros e tamén colaborou coa Banda municipal como cantante. Profesionalmente é encargado de zona dunha empresa de mantemento.

Nanda Tasende (Dexo, 1968) é experta en agricultura ecolóxica, auxiliar forestal da Xunta de Galicia, redeira e actriz. Atesoura unha ampla experiencia no mundo das artes escénicas, forma parte da asociación de actores e actrices de Galicia e tamén colabora activamente coa Asociación de Veciños San Antón de Dexo.

Novas relacionadas