Desbloquéase a Vía Ártabra, pese ao boicot de PSOE e BNG

A oposición de PSOE e BNG non impedirá que a conexión da vía Ártabra coa AP-9 sexa unha realidade. Ante insistencia de Alternativa dos Veciños respecto á necesidade desta obra para a mobilidade da comarca coruñesa, acaba de anunciarse que o proxecto sairá proximamente a exposición pública. Finalizado ese trámite será posible que a Xunta contrate a obra no ano 2026.

A comarca da Coruña presenta un importante déficit de infraestruturas viarias, así como de medios de transporte público, axustados ás necesidades reais de mobilidade de cidadanía e empresas.

Entre outras actuacións pendentes que mellorarían notablemente o tráfico, a máis transversal é a vía Ártabra: a gran circunvalación da comarca coruñesa que dará servizo a concellos e polígonos industriais de Cambre, Bergondo, Sada, Oleiros, Culleredo, Arteixo e A Coruña, creando conexións directas coa AP-9, a A-6 e outras vías principais.

A Vía Ártabra permitirá tamén aliviar o tráfico de forma xeral na rede viaria metropolitana, desconxestionando especialmente a Costa da Tapia en Cambre, a estrada da costa de Sada e Oleiros e a ponte da Pasaxe.

Comparte esta nova!