Deputación confunde á cidadanía cos seus carteis de obra

Iniciativas municipais parecen proviniciais debido a cómo obrigan a expresalo nos carteis de obra

O discutible procedemento informativo da Deputación en relación ás obras públicas que os concellos fan con fondos provinciais leva a curiosas intepretacións sobre o proceso de xestión das obras públicas. 

O organismo provincial confunde á veciñanza con carteis nos que figura únicamente o seu logotipo e algúns datos da obra, así como o Plan interno da Deputación do que procede o investimento e o nome do Concello. Parece que a obra está realizada pola propia Deputación.

En calquera caso non é un investimento da Deputación directamente, senón un diñeiro que figura nun plan provincial de distribución de fondos entre os Concellos e que estes poden dedicar ás obras que desexen, sempre que se axusten a uns mínimos criterios previamente establecidos. Neste caso, un plan de Obras e Servizos.

O Concello define as obras que realiza con eses cartos e as que non, segundo as prioridades existentes ou os criterios políticos de cada municipio. Deputación otorga o monto de diñeiro que corresponde a cada concello e non intervén en máis nada. Iso si, obriga a poñer o confuso cartel correspondente.

Un cartel que, para ser acorde á realidade obxectiva, debería expresar máis ou menos a seguinte lenda: “Obra realizada polo Concello de Oleiros cos fondos provinciais que lle corresponden no Plan de Obras e Servizos de 2023”.

Sería sen dúbida un cartel informativamente máis honesto que o actual, xa que o Concello é quen decide qué obra facer, realiza o proxecto, licita a obra, contrátaa, controla a correcta execución, recíbea e pona a disposición da veciñanza, proceso no que a Deputación non intervén en absoluto.

Comparte esta nova!