Deputación aproba unha declaración en defensa de Palestina

A proposta de Alternativa dos Veciños, o pleno da Deputación da Coruña acordou por unanimidade unha declaración contra a violación dos dereitos humanos que se está a cometer contra a poboación civil en Palestina.

Alternativa presentou unha moción que se converteu nunha declaración institucional ao admitir as modificacións propostas polo PP, PSOE e BNG.

A declaración insta á paralización dos bombardeos na Franxa de Gaza e á liberación dos presos palestinos e os israelís retidos por Hamás, solicitando a mediación do Goberno de España ante o Goberno de Israel.

Moción orixinal sobre a agresión sionista

Tras un razoamento sobre a agresión sionista sobre Gaza utilizando como pretexto a resposta a Hamás, Alternativa propuxera ao resto dos grupos que se manifestasen en favor do pobo palestino e da ruptura de relacións diplomáticas con Israel. Hamás é unha forza político-militar que controla a franxa de Gaza desde a súa vitoria nas eleccións lexislativas de 2006. O goberno sionista e corrupto de Benjamin Netanyahu, apoiado pola ultradereita ortodoxa, está a levar a cabo unha das peores represións contra a poboación civil palestina das últimas décadas, di a moción. Ao bombardeando indiscriminado de vivendas, escolas, campos de refuxiados de UNRWA e mesmo hospitais, únese o corte total na subministración da auga, a electricidade, o combustible, a comida… xunto a ordes ilegais de evacuación de hospitais que poñen en risco a vida de milleiros de persoas enfermas, feridas, embarazadas e nenos, está a provocar unha crise humanitaria terrible, tal e como evidencian as ONGs que traballan no terreo.

Alternativa pide á Deputación da Coruña que apoie o cesamento do fogo e a fin dos ataques sionistas contra Gaza e Cisxordania; a asistencia inmediata á poboación cercada en Gaza coa apertura das fronteiras e a entrada de axuda humanitaria sen condicións; o recoñecemento do Estado Palestino, co seu territorio íntegro entre o Xordán e o Mediterráneo, establecendo os lazos de cooperación que sexan necesarios para garantir unha vida digna ao pobo palestino.

Tamén se propón levar ao primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, ante a Corte Penal Internacional para ser xulgado por crimes de guerra, rachar relacións diplomáticas do Estado Español e da Unión Europea con Israel; piden a dimisión da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, por excederse nas súas funcións ao viaxar a Tel Aviv e anunciar o apoio da Unión Europea ao estado de Israel, cando as competencias en política exterior competen aos Estados; o boicot en todos os aspectos e, moi especialmente, nos programas e compras militares españolas a Israel e a aplicación das medidas definidas polo BDS ata o fin da ocupación e o apartheid en Palestina e o retorno dos refuxiados e refuxiadas palestinos á súa terra. Por último, solicitan trasladar esta moción ás embaixadas de Palestina e Israel en España, ao Ministerio de Asuntos Exteriores e ás asociacións en defensa do pobo palestino.

Comparte esta nova!