Denunciamos a parálise nas subvencións a entidades locais

As entidades de Carral non poden ser as prexudicadas por unha pésima xestión municipal.

Dende o noso grupo levouse a cabo a xestión das bases de subvencións 2025 para a promoción e difusión da cultura, promoción da actividade física e o deporte, así como para actividades medioambientais. As bases de ditas axudas foron publicadas no BOP o 27 de maio.

Pero a día de hoxe, as entidades non recibiron ningunha comunicación oficial sobre se son beneficiarias ou non, descoñecen o importe das axudas, non se publicaron listaxes provisionais, nin se lles deu opción a aceptar as subvencións e tampouco se aprobou aínda a resolución definitiva. Cando o prazo para xustificar as axudas remata o 21 de novembro.

Dende Alternativa Carral preguntámonos que está a pasar, por que se están demorando os prazos, quen é o responsable desta mala xestión e por que se está poñendo en risco que as entidades non poidan cobrar as axudas neste ano 2025.

Por isto esiximos ao Sr. Alcalde actúe de inmediato para resolver esta situación para que se publique de forma urxente a concesión provisional e así garantir que as entidades dispoñan de tempo suficiente para xustificar as axudas correctamente.

Comparte esta nova!