Defender Serantes-Dexo da especulación

Hai 25 anos que foi protexido como Monumento Natural

Fiel á sabedoría das persoas que habitaron as parroquias de Serantes e Dexo durante os últimos séculos, o Goberno municipal de Alternativa dos Veciños estableceu como prioritaria a preservación natural da costa libre de novas construcións. Para conseguilo, o espazo costeiro declarouse Monumento Nautral hai 25 anos.

Así, foi paralizado o intento dunha inmobiliaria madrileña de crear unha urbanización en Seixo Branco, que querían promover aproveitando da Lei do solo do Goberno de Aznar. A empresa chegara a adquirir ao Ministerio de Defensa os terreos que ocupan as antigas baterías militares, pero finalmente a operación foi bloqueada polo Concello e o solo acabou sendo revertido ao Estado.

Nunha liña semellante, a Xunta de Galicia outorgoulle cualificación de parque eólico á zona, o que tamén foi impedido polo Concello. Foron tamén varias as propostas de creación dunha ponte con Ares, así como as promesas electorais do Partido Popular de Oleiros de realizar todo tipo de actividades nocivas para o medio ambiente,…

Outra das tentivas destrutoras deste espazo aconteceu tralo naufraxio a plena luz do día e co mar en calma dun pequeno mercante que encallou nos cantís en xuño de 1998. O barco só sufrira unha pequena greta pero a Dirección Xeral de Portos do Estado pretendía desguazalo in situ abrindo unha estrada para o paso de grúas e camións.

A oposición do Goberno municipal foi determinante para impedilo e, tal e como reclamaba o Concello, finalmente o barco foi remolcado polo mar, frustando así a destrución do territorio que se pretendía tolerar por parte das autoridades do Estado para facilitar o negocio do desmantelamento do Diana María e o do cobro de seguros.

Comparte esta nova!