A Demarcación de Costas do Estado na Coruña está mantendo un pulso co Concello de Oleiros ao negarse a actuar na pasarela que comunica o paseo marítimo de Santa Cruz co parque Galeras.
O perigo que supón para a zona que une ambos espazos debido ao esborrallamento de parte do cantil obriga a actuar con urxencia, pero Costas pon paus nas rodas, xa que nin actúa para que o mal non vaia a máis, nen deixa que o Concello actúe.
O último chanzo do asunto veu cando Costas obrigou ao Concello a solicitar unha concesión administrativa, coma se se fose explotar o cantil como criadeiro de mexilóns, por poñer un caso.
Burocracia
Resulta increíble que para reparar unha infraestrutura peonil básica como un paseo que utilizan cada día centos de persoas, as administracións obriguen unhas a outras a cumprir uns procedementos burocráticos que con toda seguridade se poderían ter resolto con posterioridade, por exemplo, solicitando ao concello unha memoria sobre o arranxo realizado, para que quede constancia nos arquivos do departamento estatal.