Convocada unha nova concentración para este venres en apoio á directora e ao equipo directivo do Luis Seoane
A ANPA do CEIP Luis Seoane de Canide convocou unha concentración para este venres día 9 de outubro, ás 14 horas, ante as portas do colexio para apoiar á directora do centro, á que a inspección de educación obrigou a dimitir do seu cargo. Desde a ANPA solicitan o apoio das familias do alumnado, así como das entidades sociais e da veciñanza en xeral.
A ANPA, o alumnado, o profesorado, as entidades veciñais, o Goberno municipal e numerosos veciños e veciñas amosaron durante estes días o seu total apoio á directora do centro e o rexeitamento á actuación da inspección. A través da plataforma change.org xa se levaban recollidas preto de 3.500 sinaturas e hoxe mesmo, o director do Centro de Protección de Menores “Lar a Mercé” de Santa Cruz acaba de facer público o seu apoio á directora a través dun comunicado.
Pola súa parte, o Concello de Oleiros está a estudar a posibilidade de querelarse contra a inspección de educación se a directora do Colexio Luis Seoane non é restituída no seu cargo. As ameazas, o abuso de poder, a vexación e as actitudes doutras épocas antidemocráticas empregadas pola inspección poderían facer acudir ao Goberno municipal aos tribunais.