Continuamos a esixir melloras na web municipal

O grupo municipal Alternativa, que xa impulsou a creación da Sede Electrónica do Concello, continúa a demandar melloras na web municipal, co obxectivo de que as canles de comunicación municipais sexan ferramentas útiles para a participación cidadá.

A comezos da presente lexislatura Alternativa dos Veciños Culleredo promoveu, a través dunha moción plenaria diversas melloras tanto para a Sede Electrónica como para páxina web municipal. A proposta foi apoiada por unanimidade de toda a corporación, e mesmo a Secretaria Municipal valorouna positivamente, impulsando a creación dun Programa Temporal de Implantación da Administración Electrónica no Concello de Culleredo .

Froito deste traballo, a veciñanza de Culleredo pode empregar, dende inicio de ano, o novo portal da Sede Electrónica que simplifica e facilita os trámites administrativos da veciñanza.

Para o mes de marzo deste ano estaba prevista a nova páxina web, pero aínda non viu a luz. Sobre ese asunto non houbo máis información, a pesar de que o portal actual está obsoleto e carece dos apartados fundamentais para resultar unha canle informativa eficaz. Entre outras carencias, a cidadanía non pode acceder ás videoactas que recollen con fidelidade o que acontece nas sesións plenarias.

O grupo municipal esixiu aclaracións polo atraso, ao considerar que se están incumprindo os prazos comprometidos. Dende o goberno sinalan que se esta a traballar no tema e que agardan a nova páxina web sexa unha realidade antes de final de ano.

Comparte esta nova!