É necesario tomar medidas urxentes a respecto da okupación e a inseguridade nos barrios.
O Deputado Provincial de Alternativa dos Veciños, Don Ángel García Seoane; amosou a súa preocupación e a do partido que lidera ante o problema xerado polas numerosas okupacións na zona dos Mallos.
Na actualidade, o problema da ocupación non se trata tanto do colectivo “okupa” como movemento ideolóxico senón como mafias organizadas. Non se trata só das okupacións varios pisos e locais nos Mallos, tamén na Agra do Orzán, na Sagrada Familia, en Peruleiro etc.
A veciñanza ve unha clara ligazón entre os pisos ocupados e o aumento do “trapicheo” de droga: a plena luz do día chegan coches, incluso de alta gama, paran e mercan sen problema ningún. O asunto mantén a veciñanza inquieta, preocupada e enfadada xa que ademais se producen numerosos roubos, furtos, tiróns de bolsos e roubos menores en comercios da zona.
A problemática debe ser resolta e é competencia da Policía Nacional e do Concello da Coruña que volveu nestes últimos días a falar da denominada “Policía de Barrio”, un servizo xa creado no seu momento e que quedara en nada: “Hai que ir ao gran, non se trata de facer estudos nin diagnósticos, para iso xa están os médicos; hai que tomar medidas, medidas urxentes!” manifesta García Seoane.
“Nas redes circulan bulos sobre que a Policía pode desaloxar aos okupas en 48 horas pero o certo é que non resulta tan sinxelo desaloxalos xa que a lexislación é moi imprecisa. Non é normal que un delito xere un dereito!” afirma García Seoane.
O deputado provincial entende que hai que diferenciar o tipo de okupas xa que non son todos iguais: o Decreto Antideshaucios está para protexer ás persoas vulnerables non a delincuentes. Por outra banda tamén está a distinción entre o tipo de propietarios de inmobles: as persoas físicas, que co seu esforzo e traballo conseguiron comprar e manter o inmoble ou o herdaron; e os bancos propietarios dunha gran bolsa de pisos e casas baleiras como consecuencia da especulación.
O tamén Alcalde de Oleiros manifesta que “non se debe de caer na xenofobia” a respecto dos migrantes que chegan ao noso país na procura dun futuro mellor para as súas familias e que habitualmente realizan traballos que moita xente non quere realizar.