O concurso de disfraces da Festa do Entroido de Oleiros repartirá 4.700 euros en premios
O venres 1 de marzo vai festexarse o día grande do Entroido de Oleiros cunha grande festa, a partir das 19:00 horas, na Polideportiva Arsenio Iglesias de Santa Cruz, a carón do colexio Parga Pondal. Nesta Festa do Entroido, como é habitual, non faltará o tradicional chocolate con churros, o concurso de disfraces, a espectacular actuación sorpresa a cargo da Compañía Municipal de Teatro e a orquestra Os Satélites, garantía de música, baile e diversión.
O concurso de disfraces, unha das grandes referencias na comarca coruñesa, repartirá 4.700 euros en premios entre dúas categorías: grupos e individuais-parellas. Ademais, haberá tres accésits, un en grupos e outros dous en individual-parellas, para que o xurado poida premiar, se así o considera oportuno, aqueles disfraces que sexan merecedores dalgunha mención especial pola súa participación, enxeño ou especial animación choqueira característica desta festa.
As persoas interesadas en apuntarse ao concurso poden facelo a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000, do correo electrónico e.rodriguez@oleiros.org, nas oficinas de Servizos Sociais ou o mesmo día na propia festa antes das 19:30 horas.