O Concello seguirá costeando o gasto de comedor escolar do alumnado en risco de exclusión social
O Concello de Oleiros renovou o convenio de colaboración coas ANPAS para colaborar no coste mensual das prazas de comedor escolar nos centros públicos de Oleiros xestionados polas ANPAS e asumir integramente o custo dos nenos e nenas en situación de vulnerabilidade. Esta é unha das numerosas medidas que adopta o Goberno municipal de Alternativa dos Veciños para promover e fomentar a inclusión social de todos os cidadáns.
Con esta actuación, o Concello garante a cobertura das necesidades básicas de alimentación dos menores, así como de conciliación familiar e laboral das familias que cumpran cos requisitos socioeconómicos establecidos no correspondente regulamento. Estas axudas poderanse solicitar durante todo o curso escolar e contan cunha partida orzamentaria de 60.000 euros, que serían incrementados en caso de resultar necesario.