O Concello de Arteixo debe implicarse e traballar máis a prol da inclusión e da diversidade
Unha das consecuencias da pandemia provocada polo Covid-19 é a cancelación de moitas celebracións e eventos multitudinarios para evitar os contaxios. Entre estas cancelacións esta a celebración do Orgullo LGTBIQA+ 2020.
A celebración do Orgullo é unha cita anual que lembra a importancia de seguir loitando polos dereitos das persoas LGTBIQA+. Esta celebración ten lugar o 28 de xuño de cada ano, en honra aos sucesos do 28 de xuño de 1969, cando se deu a primeira acción do movemento homosexual en resposta aos atropelos cometidos contra os mozos que se reunían no bar Stonewell Inn, en Nova York, nunha época en que as leis e a sociedade norteamericanas eran aínda moi crueis contra as persoas non heterosexuais. A comunidade LGBT loitou contra a persecución dos homosexuais iniciando un movemento que se estendería desde Estados Unidos a todo o mundo.
A esencia deste movemento é que ningunha persoa debe avergoñarse do que é ,e por tanto, non son admisibles os crimes de odio amparados no desprezo a unha orientación ou identidade sexual diferentes.
As celebracións do orgullo teñen un transfondo reivindicativo e así debe seguir sendo, xa que en moitos países do mundo, a homosexualidade e a condición sexual non tradicional, segue estando criminalizada, e en moitos outros, aínda que as leis os amparen, non están aceptados socialmente.
Dada a situación que atravesamos como consecuencia do Covid-19 e que aínda estamos en período de normalización, aparcaremos ata o próximo ano a solicitude prevista ao equipo de goberno para que conmemore o día 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBTIQA+. Xa será a segunda solicitude co mesmo motivo, xa que o ano pasado tamén se lle fixo chegar e aínda non recibimos contestación algunha. Se desde o concello non están polo labor de traballar a prol da inclusión e da diversidade, volverá ser Alternativa dos Veciños quen se encargue un ano máis de conmemorar este día e de seguir defendendo unha sociedade máis libre e xusta.
Aínda que este ano se celebre de xeito diferente, Feliz Orgullo 2020. Que o amor gañe sempre en calquera das súas formas!