O Concello de Arteixo quere culpar á Deputación da súa propia ineptitude

Un convenio de hai dez anos prevía que Deputación investise 6 millóns, pero a ineficacia municipal impediuno

No pasado Pleno municipal, o día 22 de marzo, o goberno municipal do PP en Arteixo propuxo aprobar unha moción na que se pretende modificar o convenio subscrito entre a Deputación Provincial e o Concello de Arteixo no ano 2014, no que a Deputación cedeu 137.000 m2 en 8 parcelas que deberán dedicarse a servizos e equipamentos públicos durante 30 anos, así como 6.000.000 de euros para mellorar servizos de auga, accesos etc.

Actualmente pasaron só 10 anos e o Concello de Arteixo non foi quen de gastar os 6.000.000 de euros polo que a Deputación provincial ampliará o prazo.

A moción recoñece que aínda están sen investir 1.242.000 euros que estaban destinados á execución de tres sendas: senda da ponte, senda do embalse e senda da praia.

O Concello de Arteixo, que non foi quen de investir os cartos doados pola Deputación hai xa 10 anos; pretende agora que a Deputación financie o sobrecusto ata os 2.096.000 de euros.

Os grupos da oposición, incluído Alternativa dos Veciños, abstivéronse. 

Non se pode pretender, dez anos despois, culpar á Deputación da Coruña da neglixencia e a incapacidade do goberno municipal para investir os cartos doados pola mesma Deputación provincial e que tiñan que estar servindo aos veciños e veciñas de Arteixo.

Comparte esta nova!