s1

O concelleiro de Saúde peregrina a Santiago para demandar melloras na atención primaria de Sada

O Concelleiro de Promoción da Saúde, Cohesión Social e Voluntariado, Breogán Blanco González, iniciou hoxe desde o Centro de Saúde de Sada unha peregrinación a Santiago de Compostela para demandar melloras no servizo de sanidade pública do municipio. Breogán Blanco, que percorrerá o Camiño Inglés en tres etapas, ten previsto chegar a Santiago o domingo para coincidir coa manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública en defensa do sistema sanitario público de Galicia (12:00 horas, Alameda de Santiago).

Con esta acción, Alternativa dos Veciños de Sada pretende demandar á Consellería unha praza máis de fisioterapia, pediatría, medicina xeral, enfermería e administración; que se cubran todas as baixas e vacacións; e un compromiso por parte da Xunta do traslado do Centro de Saúde á parcela que contempla o Plan Xeral, igual que o Concello cumpre o Convenio da FEGAMP en canto ao mantemento e acondicionamento da instalación.

Desde agosto, o concelleiro de Alternativa dos Veciños enviou tres cartas ao Conselleiro Vázquez Almunia demandando estas cuestións sen obter ningún tipo de resposta.

Novas relacionadas