Comprometidos co futuro

Como os nenos, nenas, mozos e mozas van falar, xogar, correr, discutir, convivir, descubrir o mundo… se non teñen onde facelo?

A infancia e a mocidade viven cada vez máis expostas ás pantallas. Demostrado cientificamente que o uso de tecnoloxías en idades temperás provoca cadros de ansiedade, déficit de atención, illamento social ou unha dependencia patolóxica que anula a capacidade crítica dos menores; non podemos permanecer impasibles ante a Lei de educación dixital de Galicia que pretende aprobar o Partido Popular.

Pero ademais de alzar a voz e recorrer contra esa lei –xunto coas ANPA- polos graves prexuízos que se van crear sobre a saúde da infancia e a mocidade; nós seguiremos apostando con firmeza por reforzar aquilo que sempre defendimos e que nunca se debería perder nin na escola nin na vida: a convivencia, o contacto humano, o deporte, os hábitos saudables e os espazos públicos compartidos.

Desde Alternativa dos Veciños levamos décadas impulsando políticas orientadas a promover ese modelo de comunidade. A creación e mantemento de parques, instalacións deportivas, espazos verdes, bibliotecas, programación cultural, casas da mocidade, escolas artísticas, fomento de asociacións e clubs, casas de préstamo e múltiples espazos de encontro e convivencia que responden a unha idea que sempre tivemos clara: educar non é só transmitir contidos, senón tamén construír vínculos, fomentar valores e favorecer relacións humanas reais.

Como os nenos, nenas, mozos e mozas van falar, xogar, correr, discutir, convivir, descubrir o mundo… se non teñen onde facelo? A diferencia da inmensa maioría dos territorios do mal chamado primeiro mundo, grazas aos equipamentos e actividades que creamos e mantemos, en Oleiros si é posible medrar e desenvolverse de maneira humana.

Non se trata nin de rexeitar a tecnoloxía, nin de negar os seus extraordinarios avances para a ciencia, a saúde, a comunicación ou a seguridade. Tamén recoñecemos a necesidade da alfabetización dixital. Pero unha cousa é utilizar ferramentas tecnolóxicas con sentido pedagóxico e outra moi distinta converter os dispositivos electrónicos no centro do proceso educativo.

No mundo que nos toca vivir, aqueles principios que hai 50 anos emanaron do movemento veciñal e que orixinaron o nacemento da Alternativa dos Veciños están hoxe máis vixentes que nunca. Foi esa visión de futuro a que permite dispoñer hoxe deste Oleiros tan singular, garantía para que aos nosos fillos, fillas, netos e netas dispoñan do ben máis prezado que pode haber: a liberdade. Conservala depende de todas e todos nós.

Comparte esta nova!