Comezan a construírse as cooperativas de vivendas con impulso municipal

Son 147 vivendas ubicadas en zonas de alto valor como Perillo, Mera e Xaz.

O máximo que pode facer un Concello para mitigar o grave problema de acceso á vivenda está facéndoo Oleiros. Promover a construción de novas vivendas a través de cooperativas —eliminando o beneficio das promotoras— e prohibindo os pisos turísticos para que os alugueiros non medren aínda máis do que o fan.

Nestes momentos o Concello de Oleiros está promovendo a construción de 147 vivendas protexidas a través de cooperativas en Perillo, Mera e Xaz. O municipio vende o solo a prezo taxado para construír ese tipo de vivendas e as persoas interesadas constrúen os edificios a prezo de coste, sen ter que facelo a través dunha empresa promotora, co que o prezo de mercado baixa de maneira considerable.

Con todo, o custe da construción hoxe en día acada igualmente prezos desorbitados, aspectos nos que o Concello non pode incidir, xa que é unha realidade condicionada polo sistema económico no que desenvolvemos as nosas vidas.

O prezo inicial de adquisición destes pisos estaba de media nos 215.000 euros (3 dormitorios). Ese importe está estipulado polos parámetros da Xunta de Galicia e varía á baixa ou a alza en función dos metros cadrados da vivenda. A Xunta subvenciona estas accións con uns 10.000 euros por vivenda. Estímase que os pisos de 215.000 euros terían no mercado libre un valor de entre 300 e 450.000 euros.

O resto dos poderes públicos, que son os que teñen competencias na promoción de vivenda pública, organizan un sistema de construción que interesa pouco aos promotores e ademais impiden realizar ningunha discriminación positiva para cidadáns de Oleiros, co que pode beneficiarse calquera cidadán de Galicia.

Por iso o Concello optou por esta fórmula das cooperativas grazas á que 147 familias puideron acceder a vivendas nas mellores condicións económicas posibles. Todas elas están xa adxudicadas, agás un piso en Mera, ao aínda que pode optar calquera familia que o desexe e cumpra as condicións sobre as que informa a xestora da cooperativa.

Esta política de venda de solo para cooperativas de construción de vivendas veráse continuada con solo na capital municipal, Oleiros, que anunciará próximamente o Concello. “Vender solo a baixo custo en lugares de alto valor ambiental e urbanístico como Oleiros é unha política única en Galicia” afirmou o alcalde, Ángel García Seoane.

Comparte esta nova!