Isto é facer bo urbanismo. Isto é comprometerse coa poboación que máis o necesita. Isto é utilizar as poucas armas das que dispón o Concello para intervir na política de vivienda e proporcionar domicilios a prezos por debaixo dos do mercado a familias que non poden pagar eses importes desorbitados. O alcalde de Oleiros asistiu ao momento en que unha nova promoción de cooperativas bota a andar en Xaz, unha das zonas máis expansivas e de moda na área metropolitana da Coruña.
Ao acto de inicio da construción asistiron o alcalde, Ángel García Seoane, e os concelleiros María José Varela e Pablo Cibeira. Serán 94 vivendas con piscina comunitaria que teñen un prezo medio de 205.000 euros. Xusto en frente, outros de promoción libre e sen piscina costarán case o doble: 400.000. Ademáis, os da cooperativa reciben unha subvención autonómica duns 10.000 euros.
Oleiros leva creado 1.171 vivendas de prezo público, seguindo distintas fórmulas segundo as circunstancias de cada momento. Na actualidade, por exemplo, prácticamente non se constrúe vivenda pública porque dada a situación do mercado inmobiliario non resulta rendible esa modalidade, polo que Oleiros recurre ao sistema de cooperativas, que ademáis permite ter as vivendas durante un tempo a disposición prioritaria dos veciños do municipio. Se sobran, ábrese a calquera persoa, viva onde viva.
Grazas á política urbanística de Oleiros son posibles este tipo de iniciativas, que non só permiten construir vivenda a prezo máis baixo que o de mercado. A urbanización de Xaz, que era privada, proporcionou ao Concello 300.000 metros de solo, entre os que se atopan os terreos desta promoción de vivendas protexidas. Tamén hai parcelas destinadas a futuros equipamentos municipais, zonas verdes, o Bosque de Xaz, Castro de Xaz, etc, ademáis da construción de dous novos depósitos de auga, ampliouse a depuradora de Xubín, e houbo importantes ingresos económicos procedentes da venda do solo que lle correspondía ao Concello no campo de golf.
Na actualidade o Concello ten aberta unha poxa pública para 3 novas parcelas para pisos de protexidos: dúas na praza da Rabadeira e unha en Mera, na rúa Eduardo Galeano. Cando todo o proceso de adxudicación e trámites previos estea resolto, abrirase un proceso de inscrición para que todos aqueles veciños e veciñas interesados poidan mercar a súa vivenda, algo que se dará a coñecer coa suficiente antelación. Da iniciativa municipal resultarán 34 pisos protexidos: 19 en Oleiros e 15 en Mera.