Comezan a construír o paseo que deixaran a medias na ría

As máquinas comezarán en breve a chegar ao treito de conexión entre Cambre e Oleiros no paseo interior da ría, pois Transición Ecolóxica anunciou que este martes empezaba a obra co replantexamento dos traballos. O outro treito duns 200 m, entre Beiramar e O Paraíso, tamén está tramitándose.

Esta acción dará continuidade aos paseos xa existentes no Graxal, un de Cambre e outro de Oleiros. Ata agora hai que circular polas sendas interiores dos parques que tras a obra quedarán unidos ao novo paseo. O orzamento da licitación é de 1,8 millóns de euros e estímase que poderá levar 9 meses construíla.

Houbo que insistir ante o Goberno Central, pero ao final deu o seu resultado, xa que se estimaba que a recuperación integral da ría levaba incorporadas estas obras litorais, igual que outras na parte central da zona, que quedaron sen completar.

A obra non só resolverá a continuidade do paseo, senón que facilitará o acceso con mobilidade activa entre Santa Cristina e O Graxal, especialmente interesante no verán para o uso da praia. A ruta ciclo peonil tamén se achega o litoral coa nova Senda do Río de San Pedro, á que se accede mediante as rúas urbanas de O Graxal, a Costa da Tapia, O Lameiro ou O Seixal.

Ademais axuda a completar o itinerario litoral da Costa Libre de Oleiros, que se rematará coa xa activada obra de conexión litoral entre Naval e Canide.

Comparte esta nova!