O único responsable do que sucedeu estes días en Ceuta é o Reino de Marrocos. A culpa non é de Pedro Sánchez, nin das políticas migratorias, nin do ministro do Interior, nin moitísimo menos das miles de persoas que cruzaron a fronteira, que son as principais vítimas de todo isto; maioritariamente mozos que foron enganados e utilizados polas mafias que trafican con seres humanos, e que Marrocos manexa ao seu antollo para crear unha situación insoportable en Ceuta.
O sucedido é unha declaración clara de Marrocos contra España, e por extensión contra a toda Unión Europea: ou se pregan á vontade do ditador Mohamed VI ou prepárense. Xa sucedera no 2021, cando España acollera ao líder do Frente Polisario. Agora o motivo foi a recente visita do presidente Pedro Sánchez a Arxelia, para restablecer relacións con Arxelia, que é o noso principal suministrador de gas e ao que Marrocos pretende illar e impedir que comercie con España e co resto de Europa.
Pero Marrocos síntese forte e protexido, grazas á alianza que ten cos Estados Unidos, e tamén con outros países europeos como Francia ou Alemaña que están a saquear as inmensas riquezas que hai no Sahara (pesca, xacementos de fosfatos, reservas petrolíferas, enerxía eólica, minería).
Non é casual que nin en Europa nin en Estados Unidos se fale nunca da situación política marroquí, cando está ás portas de Europa, a 14 km; mentres se nos bombardea a diario con información sobre países situados a milleiros de km. Porque aínda que non o diga ninguén, Marrocos é unha ditadura, cunha corrupción desmedida, na que non existe liberdade, onde se producen graves vulneracións dos dereitos humanos, onde hai presos políticos, asasinatos indiscriminados, unha represión brutal, unha monarquía absoluta propia da Idade Media…
Marrocos está a utilizar a presión migratoria, a dependencia económica e a diplomacia coercitiva para condicionar as nosas decisións como Estado. Porque o que realmente pretenden é que o Goberno que votamos os cidadáns españois se someta aos intereses da ditadura marroquí. Queren arrebatarnos a nosa soberanía, a nosa independencia como Estado e invalidar a nosa democracia.
Ante este tipo de chantaxes e inxerencias, non pode haber divisións partidistas: a defensa da soberanía de España debería constituír un compromiso inquebrantable de todas as forzas democráticas.