O Concello convoca unha nova quenda anual de subvencións para entidades sociais, veciñais e culturais, ademáis de ANPAS dos centros públicos tanto da educación regulada coma das escolas municipais de música e danza. O importe deste apoio á cultura autoxestionada pola veciñanza é de cento oito mil euros.
Quérese impulsar as actividades culturais, educativas e xuvenís, para fomentar un uso activo e creativo do ocio e contribuír a conciliar a vida familiar promovendo a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura popular galega.
As ANPAS dos Centros de Ensino Público de 2º ciclo de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, as asociacións de nais e pais das escolas artísticas municipais (EMMO e CEMAE), así como as entidades veciñais, culturais, xuvenís e outras entidades inscritas no Rexistro Municipal de Entidades do Concello de Oleiros antes do 31/12/2023 poderán concorrer a esta convocatoria.
O prazo remata o 10 de xullo e preséntase a través da xanela electrónica municipal.