Cee ou Corcubión deben asumir a secretaría da Mancomunidade de Fisterra

Actualmente ese labor recae nun funcionario de Fisterra, pero debe asumirse desde o equipo do presidente, e ademáis ten que atender eses asuntos fóra do horario laboral que dedica ao concello

O Concello de Fisterra pide que a secretaría da Mancomunidade comarcal da que forma parte sexa a do concello que ostenta a presidencia ou a vicepresidencia, que neste caso corresponden aos municipios de Cee e Corcubión.

“A Presidencia e Vicepresidencia da Mancomunidade de Fisterra teñen carácter rotatorio e, desde a celebración das pasadas eleccións municipais do mes de maio, a Presidencia osténtaa a Alcaldesa de Cee e a Vicepresidencia o Alcalde de Corcubión, e é por isto, que tal e como establecen os estatutos da Mancomunidade, non lle corresponde ao secretario do Concello de Fisterra desempeñar as funcións de control e fiscalización interna da xestión económica, financeira e orzamentaria da Mancomunidade, senón que lle corresponde ao Secretario e Interventor do Concello do Presidente, podendo, en tal caso, ser substituído polo do Vicepresidente” apunta o partido Alternativa dos Veciños.

“Ademais, tal e como tamén se establece nos estatutos da Mancomunidade, no caso de que o volume de traballo da Mancomunidade así o esixa, a Xunta da Mancomunidade poderá crear as prazas, sometidas ao Estatuto da función pública ou á lexislación laboral, que se crean necesarias” explica Alternativa dos Veciños.

“O Secretario do Concello que desempeña as funcións de control e fiscalización interna da xestión económica, financeira e orzamentaria da Mancomunidade, percibe un considerable suplemento mensual de mil catrocentos euros e, debe desempeñar estas funcións para a Mancomunidade fora do horario laboral que ten no Concello como funcionario. O que non pode ser é que se realicen funcións da Mancomunidade durante a xornada laboral do Concello, primeiramente porque non seria legal e logo porque afecta á función pública do Concello de quenda.

A Mancomunidade da Comarca de Fisterra necesita de grandes cambios para que poida ser útil e eficiente tanto para os concellos como para os cidadáns; cambios de carácter organizativo, de funcionamento e de xestión.” matiza Alternativa dos Veciños.

Comparte esta nova!