Dedicar case 350.000 euros do orzamento anual a estimular a vida social e colectiva de Oleiros é un esforzo financieiro que realiza o Concello cun obxectivo importante, non sempre ben valorado: manter o tecido asociativo vivo e vizoso, reforzar a calidade educativa, apoiar os esforzos das persoas que fan deporte… para que vivir en Oleiros sexa unha experiencia común, colectiva e interesante.
Estes fondos municipais están dedicados a apoiar a autoxestión colectiva, sen ningún tipo de intervención pública. Hai un club, unha entidade, unha asociación, un grupo de persoas que deciden reunirse para levar adiante un propósito, e aí está o Concello, facilitándolles as cousas para que poidan conseguir aquilo que os une.
Conséguese así levar a vida colectiva un pouco máis adiante, facilitando viaxes, actividades, charlas, eventos, traslados para partidos, sesións divulgativas ou educativas sobre os temas máis variados; porque para manter activa a vitalidade do municipio non abonda con celebrar que hai moitas persoas voluntarias que poñen o seu tempo e incluso diñeiro para facer posible a participación de todas e todos… Tamén hai que achegar recursos para que iso aconteza.
Este ano 2025 dedicáronse máis de 83.000 euros a 12 entidades deportivas, 51.000 a 15 asociacións veciñais e culturais. Os 8 centros de ensino público levan case 100.000 euros; 44.000 a clubs de fútbol e as ANPA, 57.500 euros.
Ademáis deste diñeiro que se entrega ás entidades seguindo un procedemento de absoluta transparencia e control para que os cartos se destinen realmente para o que foron solicitados, o concello mantén a súa extensa rede de edificios e espazos públicos dedicados á vida colectiva, como casas do pobo, centros cívicos e culturais, auditorios, espazos polideportivos ou multifuncionais, complexos deportivos, etc nos que principalmente teñen lugar centos de eventos ou sesións cada tempada.
Ademáis deste tipo de actividades autoxestionadas, diversos departamentos do Concello programan actividades directamente, tanto a través da concellería de Cultura como a de Deportes ou a de Servizos Sociais. Concertos, representacións teatrais, actividades para maiores, para nenas e nenos, casas da xuventude, bibliotecas, escolas de música, danza e teatro, museos e centros de interpretación que conforman unha morea de actividades dirixidas a distintos públicos durante todo o ano que contribúen a que a calidade urbana que nos define teña un complemento moi necesario: a calidade humana.