Carral: unha publicación informa sobre a solidez do goberno municipal

Non cabe unha moción de censura porque a Lei Antitransfuguismo impide validar os votos dos tránsfugas contra o partido polo que se presentaron

Alternativa do Veciños tiña pendente realizar unha información cumprida a veciños e veciñas de Carral en relación cos sucesos que foron acaecendo nos últimos tempos e a xestión do goberno municipal liderado por Javier Gestal.

Nestes días estase repartindo a través de Correos en todas as casas do municipio un boletín informativo explicando todo o ocorrido, e os intentos desestabilizadores de tres concelleiros da candidatura do alcalde de Carral e que pretenderon manexar o concello á marxe do partido e do goberno municipal encabezado polo alcalde. Deixando, por certo, ao goberno sen a maioría absoluta que o pobo de Carral lle outorgara a Javier Gestal e a Alternativa dos Veciños.

A ambición desmedida do tránsfuga Fran Bello, e das dúas colaboradoras que permaneceron máis de 7 meses cobrando sen asistir ao plenos e ao seu posto de traballo sen realizar as obrigas que tiñan delegadas pola alcaldía; non logrou os seus obxectivos, a pesar de aliarse co PP.

Algunha xente pensaba que podería levarse a cabo unha moción de censura, pero a Lei Antitransfuguismo non valida os votos dos tránsfugas contra o partido polo que se presentaron. Estes días tamén tomará posesión unha nova concelleira para substituir a unha das 3 persoas que traizoaron os principios e confianza do alcalde, Javier Gestal.

Carral ten un goberno forte e está no bo camiño para cumprir as promesas realizadas aos veciños e veciñas no programa electoral.

Comparte esta nova!