O sector pesqueiro, marisqueiro e a veciñanza de Cangas atopámonos ante un desafío importante coa elaboración das Directrices de Ordenación do Litoral (DOL) por parte da Xunta de Galicia. Este conxunto de medidas ten o potencial de impoñer restricións severas sobre o uso do litoral, afectando tanto as actividades tradicionais que sustentan a nosa economía, como aos dereitos dos veciños que viven na costa.
Desde Alternativa dos Veciños queremos poñer en alerta á cidadanía e aos sectores produtivos de Cangas, xa que as DOL, na súa formulación actual, non só expoñen un enfoque sectorial que podería perxudicar ao sector pesqueiro e marisqueiro, senón que tamén poderían carrexar limitacións ao desenvolvemento e acceso dos nosos veciños ao mar, o espazo público e outras actividades económicas sostibles.
Que está en xogo para Cangas?
As Directrices de Ordenación do Litoral contemplan unha serie de medidas que, baixo a premisa dasustentabilidade, poden derivar na imposición de restricións que impacten negativamente nos sectores produtivos locais, tales como:
- Limitacións ás actividades pesqueiras e marisqueiras: As propostas de protección de determinados espazos poden restrinxir as zonas de traballo dos pescadores e mariscadores, afectando a viabilidade das súas actividades.
- Zonas de acceso limitado ao mar: Co afán de preservación e ordenación do litoral, algunhas medidas poden dificultar ou limitar o acceso ao mar para os veciños e o goce das praias e costas.
- Impacto sobre a economía local: As restricións poderían obstaculizar o desenvolvemento de novas actividades económicas sostibles ou revitalizar as existentes, como o turismo relacionado co mar, o lecer e o deporte acuático.
- A posible instalación de eólicos mariños nas rias que expulsaría aos nosos mariñeiros das zonas de traballo, alteraría os ecosistemas mariños e dañaría a biodiversidade, afectando ao noso concello de forma atroz.
O que esiximos desde Alternativa dos Veciños é:
- Protección do sector pesqueiro e marisqueiro. As actividades tradicionais e sostibles do mar deben ser prioritarias e non poden verse comprometidas por novas restricións ou proxectos que poñan en risco o seu futuro. As DOL deben garantir o seu desenvolvemento baixo o principio de sustentabilidade.
- Equilibrio entre conservación e desenvolvemento local. Queremos un modelo de litoral que protexa o medio ambiente sen sacrificar o acceso e uso tradicional do territorio.
- Exclusión total dea eólica mariña nas rías. As rías non poden ser convertidas en polígonos industriais flotantes.
- Participación cidadá real. As decisións sobre o futuro de Cangas deben ser tomadas de maneira inclusiva, coa participación de pescadores, mariscadores, veciños e asociacións locais, para que o desenvolvemento das DOL sexa un reflexo das necesidades da comunidade.
- Defensa dos dereitos dos veciños. As restricións de uso do litoral non poden ser impostas sen considerar o impacto na vida dos habitantes de Cangas. As directrices deben promover un acceso libre e responsable ao litoral para todos os cidadáns.
Un chamamento á acción: Presenta a túa alegación
As Directrices de Ordenación do Litoral están en fase de elaboración e aínda estamos a tempo de influír no seu contido. Facemos un chamamento a toda a cidadanía para que presente alegacións e esixa unha planificación que respecte tanto o sector do mar como os dereitos de todos os veciños de Cangas.
Enlace donde se poden realizar as alegacións: PINCHA AQUÍ